O comercio do metal volverá á folga este xoves durante todo o día

As rúas de Vigo acollerán unha nova manifestación dende o farol de Urzaiz ás 12:00h que rematará na praza da Estrela, a carón do edificio da Xunta
A CORUÑA folga metal
20 May 2026

O sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra está chamado a unha nova xornada de folga este xoves 21 de maio para forzar a negociación do convenio colectivo, que leva caducado dende hai ano e medio. As centrais CIG, CCOO e UGT teñen prevista tamén unha manifestación en Vigo que arrincará dende o farol de Urzaiz ás 12:00 horas e rematará na praza da Estrela, a carón do edificio da Xunta.

As conversas coa patronal rompéronse o pasado mes de xaneiro, despois de que os sindicatos con representación na mesa abandonaran a xuntanza ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal.

Outra das propostas da patronal contempla suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio, co obxectivo de evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, o incremento económico proposto pola parte empresarial non contempla cláusula de revisión salarial a IPC.

En consecuencia, o sector -que emprega a uns 10.000 persoas no conxunto da provincia- iniciou un calendario de mobilizacións que até o de agora incluíu tres xornadas de folga -convocadas conxuntamente co sector do metal os pasados días 7, 13 e 14- e numerosas protestas, tanto en Vigo como en Pontevedra.

Coincidindo co novo día de folga previsto para este xoves os piquetes informativos percorrerán dende primeira hora da mañá as principais empresas e polígonos industriais das dúas cidades e doutras localidades da provincia.

0.34131097793579