O Concello activa a campaña (en)Volve para garantir agasallos de Nadal a toda a infancia

A Concellería de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, activou un ano máis a campaña (en)Volve, coa que busca garantir que ningún neno ou nena de ata 14 anos de Pontevedra en situación ou risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal. A iniciativa fai un chamamento á colaboración cidadá e invita ás persoas interesadas a converterse en “cómplices” dos Reis Magos.
O funcionamento mantense como en edicións anteriores: cada persoa colaboradora recibirá por WhatsApp a carta aos Reis Magos do neno ou nena asignada, así como toda a información necesaria para preparar o agasallo. Os paquetes deberán entregarse na Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2), debidamente identificados co número de referencia e o nome do menor, antes de final de ano. O reparto ás familias comezará o 2 de xaneiro, co obxectivo de que o 6 de xaneiro cada agasallo chegue ás mans da súa destinataria ou destinatario.
As persoas “cómplices” comprométense a entregar un regalo por un importe máximo de 35 euros, elixido entre os desexos incluídos na carta. A organización recomenda, sempre que sexa posible, incorporar tamén un libro adaptado á idade para fomentar a lectura.
A xoguetería educativa A balea das cores colabora novamente co programa, aplicando un desconto do 5% en libros e do 10% en xoguetes e xogos destinados á campaña.
Grazas á solidariedade da cidadanía, no pasado Nadal un total de 440 nenos e nenas recibiron o seu agasallo na noite de Reis.