O Concello de Pontevedra acollerá a III Feira de Animais de Compañía no Pazo da Cultura os días 24, 25 e 26 de outubro

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou esta mañá a terceira edición da Feira de Animais de Compañía, que se celebrará no Pazo da Cultura os días 24, 25 e 26 de outubro. A concelleira Anabel Gulías destacou que se trata dun evento que “recoñece a importancia dos animais e do seu benestar, ao tempo que consolida a Pontevedra como sede de grandes eventos a nivel galego”.
Na presentación participaron tamén o secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández, e representantes das protetoras Galicia Adopciones, Ohana Animal e a Canceira de Poio, que contarán con stands informativos durante toda a fin de semana.
A feira terá entrada gratuíta e permitirá o acceso con mascotas, reunindo preto de trinta expositores con produtos e servizos para o coidado animal, así como exhibicións, concursos, charlas, venda de artigos e actividades infantís.
A inauguración será o venres 24 ás 18:00 horas, con horario ata as 20:30. O sábado e domingo, o recinto abrirá de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación de competicións deportivas de agility e un concurso tipo “Got Talent” que promete ser un dos atractivos da fin de semana.
A edil subliñou que a feira “quere recoñecer o traballo das asociacións protectoras e fomentar a adopción responsable, amosando tamén as diferentes formas de colaborar coas entidades locais”.