O Concello de Pontevedra celebra ‘A Noite dos Calacús’ cunha ampla programación e unha procesión das ánimas polo centro histórico

O programa inclúe visitas ao Cemiterio de Santo Amaro, obradoiros, contos de medo, a tradicional elaboración do Pan de Ánimas e unha procesión o 31 de outubro con participación cidadá e música en directo.
calacus
23 Oct 2025

O Concello de Pontevedra presentou este mércores a programación especial de ‘A Noite dos Calacús’, unha celebración que enche a cidade de tradición, misterio e creatividade con actividades para todos os públicos entre o 26 e o 31 de outubro.

O edil de Cultura e Festas, Demetrio Gómez, explicou que o programa “volve coa forza das ánimas do purgatorio”, cun amplo abano de actividades que mesturan cultura popular, gastronomía e participación veciñal.

O domingo 26 de outubro abrirán as actividades as visitas guiadas ao Cemiterio de Santo Amaro ‘A Pontevedra do alén’, cun pase infantil e familiar ás 12.00 horas e outro para público adulto ás 18.00 horas.

Entre os días 29 e 31 de outubro, as panadarías Acuña, Amásame, Xeve, A Devesa e Solla elaborarán o tradicional Pan de Ánimas, recuperando unha das receitas máis arraigadas na memoria popular. “Eu recomendaría probalos todos”, bromeou o edil.

O xoves 31, a cidade vivirá o seu día grande cunha xornada chea de propostas no Mercado de Pontevedra a partir das 17.00 horas. Haberá obradoiros de colares de zonchos, cociña, maquillaxe, disfraces de pantasmas e tallado de calacús, ademais de contos de medo a cargo de V de minúscula.

A cita culminará coa Procesión das Ánimas, que sairá ás 20.30 horas do Mercado e percorrerá o Centro Histórico acompañada pola Aula Municipal de Teatro e a música de Adarve. O Concello convida a toda a veciñanza a participar caracterizada, vestida con sabas ou roupa branca, e lembra que a temática deste ano serán os lumes, o medo que provocan e a importancia dos bosques na mitoloxía galega.

“Imos reducir a iluminación das rúas polas que pasa a procesión, porque ás ánimas non lles gusta a luz”, explicou Gómez entre risas.

A partir das 22.00 horas, a festa continuará coa colaboración de locais de hostalaría que ofrecerán tapas e cócteles especiais ‘Calacú’, dispoñibles só esa noite en espazos como A Gramola, O Carallo 29, El Toro, Ochentero, La Pomada, Zenet, Pintxo Viño e Taberna Saudade.

Toda a información sobre horarios, idades e inscricións pode consultarse no programa oficial e no código QR dispoñible nas redes de Compostela Cultura.

⚙ Configurar cookies
0.47159004211426