O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, convoca a V Edición do Premio Literario Pinto e Maragota

O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, pon en marcha a V Edición do premio literario Pinto e Maragota. Un certame que celebra o seu lustro de vida mantendo o obxectivo de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero.
As persoas interesadas en participar no concurso deberán presentar unha obra que poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. Ademais, deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero.
No caso de optar por novela ou obra dramática para o público adulto, o texto deberá ter un extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para público adulto, sería un mínimo de 500 versos, de forma libre. As obras para o público infantil non terán extensión mínima requerida. A data límite da recepción de orixinais é o 24 de xullo ás 23.59 horas.
Establécese un único premio de 3.000 euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas e fará efectivo o Concello de Pontevedra.
As persoas participantes enviarán os traballos en formato PDF por correo electrónico, co asunto “Para o V Premio Literario PINTO E MARAGOTA”, ao enderezo igualdade@pontevedra.eu. Deberán incluír dous arquivos: un co orixinal, baixo un lema e sen datos persoais; e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta.
O premio outorgarase tendo en conta o nivel de calidade literaria e o tratamento da temática de diversidade sexual e de xénero. Cada autor/a poderá presentar cantas obras desexe, en envíos separados.
As dúbidas serán atendidas polo CIM a través do correo igualdade@pontevedra.eu. As bases poden descargarse en ponte.gal/bases-premio-pinto-e-maragota.
Nas anteriores edicións resultaron gañadoras obras de autoras como María Reimóndez, Carmen P.G. Granxeiro, Carmen Caramés Gorgal e Antonio Manuel Fraga. O certame coincide coas actividades do Orgullo PTV e a Mostra Ambienta, reforzando o compromiso do Concello coa visibilidade e a diversidade.