O Concello de Pontevedra impulsa unha nova edición de Rizando Rizo para dinamizar o sector da imaxe persoal nas Galerías Oliva

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, impulsa unha nova edición do encontro de perruquería e beleza Rizando Rizo, que se celebrará este sábado 18 de outubro de 16.30 a 21.00 horas nas Galerías Oliva.
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou que esta actividade “leva anos poñendo en valor o traballo das persoas profesionais da imaxe persoal e xa é un encontro moi querido en Pontevedra”. Engadiu ademais que o evento “serve para revitalizar un espazo emblemático como as Galerías Oliva”.
Máis dunha decena de profesionais da Boa Vila ofrecerán demostracións en directo e servizos de estética e beleza de balde ou por un máximo de 7 euros, entre eles peiteados, maquillaxe, manicuras, tratamentos capilares e barbería.
Entre os expositores participantes estarán Extensiones Jossy, Peluquería Sagasta, María José Pazos, Ami Bizzarro, Ana Barros, Chema Argibay, Dona Bela, New Style, Nieves Blanco & Conde, Delaria Tattoo, Sarai Álvarez e Vibes, ademais do alumnado do IES Frei Martín Sarmiento, que presentará traballos de esmaltado, decoración de uñas e barbeado.
O programa inclúe tamén Beauty Talks, faladoiros entre profesionais do sector, e obradoiros prácticos. Ás 18.30 horas gravarase en directo a entrevista “A perruquería onte e hoxe”, seguida da entrega de recoñecementos a profesionais destacadas. A música chegará da man do grupo The Soul Rivers, que ofrecerá un concerto ás 19.30 horas.
Para o público infantil haberá obradoiros exprés, murais participativos e xogos, facendo de Rizando Rizo unha xornada aberta a toda a familia.
Ademais, continúa activo o sorteo de 15 vales de 60 euros a través do Instagram @rizandopontevedrate, que se resolverá o sábado, día do evento. Durante a cita tamén se realizará un sorteo en directo de 5 vales adicionais entre as persoas asistentes que participen etiquetando a conta oficial.