O Concello de Pontevedra presenta unha programación diversa e colaborativa polo Ano Castelao

O Concello de Pontevedra, acompañado por máis de 15 entidades e asociacións locais, presentou a programación cultural do Ano Castelao, unha homenaxe viva e participativa que decorrerá dende maio ata o 7 de xaneiro de 2026. A iniciativa foi presentada polo concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, quen destacou que a programación “é unha proposta feita pola veciñanza de Pontevedra e para a veciñanza”.
Entre as propostas inclúense faladoiros, roteiros históricos, contacontos para a infancia, actividades xuvenís e accións culturais que buscan achegar o pensamento e a figura de Castelao á cidadanía, especialmente ás xeracións máis novas. As actividades realizaranse en diferentes barrios e parroquias como Mourente, Monte Porreiro ou Salcedo.
A imaxe do programa foi encargada á empresa pontevedresa Rei Zentolo, que ofrece unha visión moderna e reivindicativa de Castelao: cun estilo “rock and roll”, chupa de coiro e elementos que evocan a súa faceta política e combativa, como explicou Pablo, un dos creativos da empresa.
Demetrio Gómez subliñou tamén que se tratou de “incorporar Castelao ás programacións habituais” e non só crear unha axenda paralela, facendo fincapé na importancia de reflexionar sobre o seu legado político, cultural e social. O programa abrangue accións con entidades como Maio Longo, Vía Galega, SAGA, AS-PG, Cedofeita, Salcedo Norte, Casa Verde, a Polifónica, Migallas Teatro, Polo Correo do Vento, Sete Espadelas, Montse Fajardo, entre outras.
A programación culminará o 7 de xaneiro de 2026, día do aniversario de Castelao, cun acto institucional de peche. “Non queriamos celebrar só o cabodano, senón o nacemento de quen segue sendo faro e guía do país”, concluíu o edil.