O Concello de Santiago chama a un consumo responsable de auga ante o descenso do Tambre

O Concello de Santiago anunciou a redución ao imprescindible do uso municipal de auga e volveu apelar á cidadanía para que faga un consumo responsable, debido á diminución continuada do caudal do río Tambre, principal fonte de abastecemento da cidade.
Aínda que a subministración está garantida e a UTE de abastecemento na que se inclúe Santiago se atopa en estado de normalidade, o nivel do Tambre no punto de captación da ETAP municipal xa baixou por debaixo do caudal ecolóxico ordinario.
O seguimento semanal do encoro de Vilagudín —reserva situada augas arriba no río Lenguelle— indica que as reservas actuais acadan o 99,27%. Porén, o consumo de auga potable na cidade mantense en niveis moi elevados, nun contexto de caudal en rápido descenso e previsións de altas temperaturas e ausencia de precipitacións para as vindeiras semanas, polo que non se agarda unha recuperación a curto prazo.
Ante esta situación, o Concello minimiza os consumos municipais non esenciais —que representan só o 10% do total— e insta tamén ás empresas e industrias a reducir ao mínimo imprescindible o consumo da rede municipal.