O Concello de Santiago colabora na campaña “Rosalía Conxense” para celebrar a figura de Rosalía de Castro no Ensanche

A iniciativa, impulsada pola asociación veciñal Raigame e os comercios locais, lembra o vínculo da escritora co antigo Concello de Conxo e destaca o seu legado feminista e social.
Rosalia Conxense
21 Feb 2025

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025 – O Concello de Santiago, a través da concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, súmase á celebración do legado de Rosalía de Castro colaborando na campaña “Rosalía Conxense”. Esta iniciativa, impulsada pola asociación veciñal Raigame e as asociacións de comerciantes Santiago Punto Compostela e Em-Rede, rende homenaxe á figura da escritora no barrio do Ensanche, lembrando que Rosalía naceu no lugar que hoxe ocupa a Praza de Vigo, antiga sede do Concello de Conxo.

A concelleira María Rozas participou hoxe na presentación da campaña, destacando o compromiso do tecido veciñal e comercial con esta celebración. “É un orgullo ver como a veciñanza e os comerciantes se implican no Día de Rosalía, unha figura que segue inspirando pola súa loita feminista, a súa conciencia social e o seu papel fundamental na nosa cultura”, afirmou Rozas.

Unha celebración con memoria e compromiso social

Desde o departamento de Comercio, o Concello apoia a campaña mediante o reparto de carteis e marcapáxinas que poñen en valor a unha Rosalía feminista, transgresora e comprometida socialmente. Ademais, a campaña “Rosalía Conxense” lembra que este ano 2025 celébrase o centenario da anexión do antigo Concello de Conxo ao municipio de Santiago, un acontecemento clave na historia urbana da cidade.

Na presentación tamén participaron representantes das asociacións impulsoras da campaña. O presidente da asociación veciñal Raigame, Xosé Manuel Durán, convidou a toda a veciñanza a sumarse ao acto de homenaxe a Rosalía que se celebrará mañá, a partir das 10:00 horas, na Praza de Vigo, coa participación do alumnado dos colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios.

Pola súa banda, Vanesa Alvite, representante de Santiago Punto Compostela, destacou a importancia de que o comercio local participe en iniciativas culturais que fortalecen o tecido comunitario e promoven a memoria histórica da cidade.

A campaña “Rosalía Conxense” súmase así ás múltiples actividades programadas en Santiago en torno ao Día de Rosalía, poñendo en valor o seu legado literario e o seu papel como símbolo da loita pola igualdade e os dereitos sociais.

0.1153359413147