O Concello de Santiago solicita máis medidas de contención e de limpeza do vertido de Tordoia

O comité de coordinación do vertido de Tordoia mantivo esta mañá unha reunión presencial para valorar os datos achegados pola empresa do servizo da auga de Santiago, que indican que o vertido superou a última barreira colocada e que se atopa a algo máis de 2 kilómetros do Tambre, aos que habería que engadir case 16 kilómetros máis de distancia ata o punto de captación da ETAP.
As análises realizadas pola empresa concesionaria do servizo, tamén indican que os niveis de amonio no último punto da zona afectada polo vertido son superiores aos adecuados para entrar na ETAP.
Ante esta situación, o Concello de Santiago reiteroulle hoxe a solicitude a Augas de Galicia para que instale máis barreiras de contención e se incrementen os traballos de aspiración do xurro. O obxectivo é conseguir que o vertido non afecte ao punto de captación no Tambre.
O Concello de Santiago volve lembrar que a auga da billa é totalmente segura para o consumo. A empresa concesionaria realiza unha vixilancia periódica e análises da calidade da auga das captacións procedentes do río Tambre, así como das saídas da ETAP, para verificar e garantir a calidade do subministro.
Neste sentido, convén lembrar que ante calquera parámetro que implicase algún tipo de risco, se pechará a captación e se informará á cidadanía.