O Concello de Vigo abre a convocatoria para seleccionar os concertos do verán 2026

O Concello de Vigo inicia a tramitación para configurar a súa programación de verán 2026 coa publicación das bases da convocatoria pública destinada á selección de espectáculos para o Auditorio de Castrelos e outras localizacións da cidade.
O alcalde, Abel Caballero, anunciou este xoves a apertura da convocatoria, avanzando que “damos luz verde a uns concertos únicos no mundo: gratuítos, con grupos de primeiro nivel mundial e nacional, accesibles a toda a cidadanía e pensados para favorecer as economías familiares”.
As promotoras e produtoras interesadas poderán presentar propostas en réxime de concorrencia competitiva, abríndose a actuacións musicais, de danza, teatro, circo, maxia ou outras artes escénicas, tanto nacionais como internacionais. As propostas deberán ter interese xeral e cubrir a maior diversidade de públicos posible.
O Concello prevé un mínimo de dez espectáculos, aínda que, como é habitual, poderán ser máis. As actuacións deberán adaptarse ás condicións técnicas e ao espazo onde se celebren —“Castrelos ou o lugar que decidamos”, precisou Caballero—, e deberán respectar o sistema de reservas a prezos populares e a existencia dunha bancada de acceso libre e gratuíto, un sinal de identidade dos concertos vigueses.
As produtoras deberán acreditar os dereitos de exclusividade da actuación en Vigo e comprometerse a non programar o mesmo espectáculo nun radio de 35 quilómetros. As propostas deberán ter unha duración mínima de 90 minutos e compatibilidade co calendario de verán do Auditorio de Castrelos ou outras localizacións.
As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico do Concello, e o prazo permanecerá aberto ata completar a programación.
Entre os criterios de selección, o Goberno municipal valorará a adecuación ao orzamento, a variedade de estilos e públicos, a traxectoria do artista (premios, discografía, xiras, presenza en plataformas dixitais), así como a produción adicional que acompañe a proposta e o número de artistas participantes.
Ademais, o Concello informou da contratación do servizo de vixilancia e mantemento da seguridade nos sete museos e bibliotecas municipais, cun investimento de 1,54 millóns de euros por dous anos. As instalacións incluídas son o Museo Quiñones de León, Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura e as bibliotecas Juan Compañel e Neira Vilas.