O Concello de Vigo aproba a prórroga do programa “Vigo en inglés” por 3 millóns de euros

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este venres a prórroga do contrato do programa didáctico “Vigo en inglés”, cun investimento de 3 millóns de euros.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que grazas a esta prórroga, no ano 2026 máis de mil estudantes da cidade poderán participar neste programa municipal, que lles permite permanecer durante un mes en Reino Unido e Irlanda cunha bolsa financiada polo Concello.
O rexedor destacou a importancia desta iniciativa para a formación da mocidade viguesa e para o posicionamento da cidade no ámbito educativo. “Vigo é a cidade de España que fala mellor inglés e moito ten que ver con que miles de mozos e mozas foron estudar o idioma ao estranxeiro”, afirmou Caballero.
O programa “Vigo en inglés” consolidouse ao longo dos anos como unha das principais apostas do Concello en materia educativa, facilitando estancias lingüísticas no estranxeiro e contribuíndo a mellorar as competencias en idiomas da xuventude da cidade.