O Concello de Vilalba subvencionará todos os gastos para favorecer o agrupamento de terras agrarias

O proxecto pretende facilitar o agrupamento de parcelas mediante intercambios consensuados, bilaterais e mutuos entre os propietarios
rexistro-xeral-ordenador-informatica
18 Aug 2026

O Concello de Vilalba porá en marcha un ambicioso proxecto de agrupamento de terras de uso agrario co obxectivo de combater a dispersión das parcelas e o minifundio, favorecer a creación de leiras de maior tamaño e mellorar a rendibilidade das explotacións agrogandeiras do municipio.

A iniciativa contempla a subvención íntegra dos gastos notariais e rexistrais para os veciños e gandeiros que desexen realizar permutas voluntarias das súas propiedades. O Concello asumirá o financiamento do programa integramente con fondos municipais, converténdose nunha proposta pioneira na comarca da Terra Chá tanto polo seu alcance como polo nivel de financiamento.

O proxecto pretende facilitar o agrupamento de parcelas mediante intercambios consensuados, bilaterais e mutuos entre os propietarios. Deste xeito, búscase conseguir superficies máis amplas e cómodas para o traballo agrícola e gandeiro, reducindo os desprazamentos entre leiras, optimizando o uso da maquinaria e diminuíndo os custos derivados da contratación de servizos agrícolas.

A medida tamén pretende contribuír a frear o abandono de terras, facilitando que os gandeiros e agricultores locais poidan acceder a terreos pertencentes a propietarios xubilados ou a persoas que residen fóra de Vilalba.

O Concello sinala que a iniciativa se desenvolverá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que os propietarios interesados terán plena liberdade para decidir sobre as permutas. Os intercambios deberán contar necesariamente co acordo das partes implicadas.

Desde o Concello destacan tamén que existen experiencias similares noutros municipios galegos, aínda que neste caso Vilalba asumirá o 100% do financiamento e cubrirá tanto os gastos de notaría como os correspondentes á inscrición das propiedades no Rexistro da Propiedade.

En canto aos prazos, inicialmente estaba previsto establecer un período dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Porén, o Concello tramitará unha modificación das bases reguladoras para ampliar o prazo de presentación de solicitudes ata os tres meses, coa finalidade de facilitar a participación ante o elevado número de peticións que se prevé recibir e manter a coordinación coas organizacións sindicais agrarias.

As solicitudes deberán presentarse mediante o modelo normalizado que o Concello facilitará a través da Sede Electrónica e da súa páxina web unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia a modificación das bases, previsiblemente ao longo da próxima semana.

A documentación deberá incluír unha fotocopia do DNI ou CIF, unha memoria explicativa da concentración e, se fose necesaria, a resolución pola que se conceda o correspondente título habilitante municipal previo. Tamén será necesario achegar a escritura pública e as facturas reais dos gastos, o xustificante bancario acreditativo do seu pagamento, unha declaración das axudas solicitadas ou obtidas para o mesmo fin e as certificacións de estar ao corrente das obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

Co obxectivo de facilitar a tramitación, as bases poñerán á disposición das persoas interesadas os enderezos web necesarios para obter as correspondentes certificacións.

0.31894397735596