O Concello estudará denunciar a suba dos voos a Madrid durante os incendios

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres que o Concello está a estudar presentar unha denuncia ante o Tribunal de Defensa da Competencia pola suba “abusiva” do prezo dos voos entre Vigo e Madrid durante os incendios forestais.
Segundo explicou, as compañías aéreas que operan esta conexión aproveitaron a interrupción da liña ferroviaria e os cortes na autovía A-52 en momentos puntuais para incrementar os prezos dos billetes entre un 200 e un 300 %. “Uns prezos insoportables, aproveitando unha traxedia desta envergadura na provincia de Ourense. É de ter moita falta de conciencia social”, afirmou.
Caballero sostivo que as empresas deben devolver os importes cobrados de máis e ser sancionadas por abuso de mercado. “Defenderemos a Vigo ante o Tribunal de Competencia porque esta situación non debe repetirse nunca máis”, concluíu.