O Concello inicia a Reconquista 2026 coa convocatoria para instalar postos no mercado ambulante

O Concello de Vigo mantén aberto ata o 23 de xaneiro o prazo para solicitar a instalación de postos de venda ambulante durante a Festa da Reconquista, que se celebrará do 27 ao 29 de marzo.
Reconquista
13 Jan 2026

O Concello de Vigo iniciou os preparativos da Festa da Reconquista 2026 coa apertura do prazo para participar no tradicional mercado de venda ambulante. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 23 de xaneiro para instalar un posto durante os días 27, 28 e 29 de marzo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este luns a convocatoria, na que explicou que o mercado tradicional comezará a montarse o xoves 26 de marzo a partir das 19.00 horas e estenderase por un amplo perímetro do Casco Vello.

En concreto, os postos ocuparán as rúas Teófilo Llorente, Real, Joaquín Yáñez, Oliva, Palma, Eduardo Chao, Méndez Núñez, Elduayen e o Paseo de Alfonso, así como as prazas do Berbés, A Pedra, Almeida, Constitución, Princesa e Porta do Sol, ademais das rúas interiores deste ámbito.

O mercado contará con catro tipos de postos, cun espazo mínimo de dous por dous metros para os de artesanía, entre outros formatos, incluíndo tamén postos de gran tamaño que poderán superar os 50 metros cadrados. Tal e como recolle a convocatoria, todos os postos e as persoas que os atendan deberán estar ambientados na época de 1809, recreando o contexto histórico da Reconquista de Vigo.

En canto aos horarios, o mercado abrirá:

Venres 27 de marzo, de 17.00 a 23.30 horas.

Sábado 28 de marzo, de 11.00 a 23.30 horas.

Domingo 29 de marzo, de 11.00 a 21.00 horas.

A programación culminará o domingo 29 de marzo ás 18.00 horas, coa representación da Reconquista na Porta do Sol, despois da simbólica “destitución” da Corporación Municipal, prevista para o sábado 21 de marzo.

⚙ Configurar cookies
0.36714506149292