O Concello pide á Xunta que obrigue a Ence a deixar de captar do Lérez para garantir o abastecemento á poboación

A Xunta de Goberno Local abordou hoxe de novo a situación de abastecemento no municipio e o nivel do río Lérez, que rexistra unha baixada continua do caudal. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, anunciou que o Concello enviará unha comunicación á Xunta de Galicia para instar a que ordene a Ence deixar de captar auga do río e así garantir o abastecemento veciñal.
Segundo explicou, o caudal do Lérez xa se sitúa por debaixo do caudal ecolóxico fixado en 1,516 m³/s. “Onte, o máximo foi de 1,54 m³/s, pero o mínimo baixou ata 1,41 e a media quedou en 1,479, por baixo do caudal ecolóxico. Isto é especialmente grave pola tendencia descendente e porque non hai previsión de choiva nos próximos días”, advertiu.
Ante esta situación, Vilaverde fixo un chamamento á Xunta para que decrete a paralización da captación de Ence co obxectivo de preservar o consumo humano. “O risco é real e debemos garantir o abastecemento da poboación durante o mes que temos por diante, xa que non parece que a situación meteorolóxica vaia mellorar”, afirmou.