O Concello recoñece a innovación pedagóxica nos XVI Premios Educacompostela

O Concello de Santiago entrega este luns os XVI Premios Educacompostela, que distinguen materiais didácticos innovadores. O CEIP Mestre Rodríguez Xixirei acada o primeiro premio co proxecto ‘O patrimonio de Sabugueira’
premios pedagoxicos
24 Nov 2025

O Pazo de Raxoi acollerá este luns 24 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega da XVI edición dos Premios Educacompostela, cos que o Concello de Santiago e Nova Escola Galega distinguen materiais didácticos que contribúen á innovación, calidade educativa e renovación pedagóxica. O acto contará coa actuación de Guadi Galego, acompañada pola chelista Margarida Mariño.

O primeiro premio desta edición recaíu no proxecto ‘O patrimonio de Sabugueira’, do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, destacado polo xurado como un traballo interdisciplinar e interxeracional que involucra a toda a comunidade educativa e á veciñanza. O proxecto pon o foco na investigación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial da parroquia de Sabugueira a través de múltiples recursos: un mapa colaborativo, un xogo de tarxetas, roteiros, un programa de radio, audiovisuais e actividades arredor da memoria colectiva.

O segundo premio correspondeu a ‘O voo 2316: química forense na aula’, de María González Iglesias, do IES Politécnico de Vigo. A proposta foi recoñecida pola súa metodoloxía activa baseada na investigación e na aprendizaxe lúdica, aplicando contidos de Física e Química a un caso ficticio de accidente aéreo que o alumnado debe resolver mediante análises científicas e pensamento crítico.

O terceiro premio foi para ‘A viaxe, cando escapar non é un xogo’, da Asemblea de Cooperación pola Paz, salientado pola súa temática, diversidade de materiais e pola súa aplicabilidade en diferentes etapas educativas. O proxecto recrea as historias de catro persoas en tránsito desde África mediante unha exposición, un xogo de fuga e unha guía didáctica para o profesorado.

O xurado outorgou tamén unha mención especial ao traballo ‘Mentes inquietas’, de María Isabel González Piñeiro (IES Plurilingüe Rafael Dieste), pola implicación do centro e o valor educativo da proposta.

Nesta edición presentáronse 19 traballos, valorados por un xurado integrado por representantes municipais, de Nova Escola Galega, do CAFI, da USC e da Asociación Galega de Editoras.

⚙ Configurar cookies
0.30629706382751