O Concello reforza a atención á saúde bucodental das persoas en risco de exclusión en colaboración coa Universidade de Santiago

Santiago reforza a atención bucodental ás persoas en risco de exclusión cun convenio coa USC, que dobra o orzamento ata os 20.000 euros e permitirá ampliar o número de beneficiarias.
Odontologia Santiago
10 Jul 2025

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, reforzará a atención á saúde bucodental das persoas en risco de exclusión social grazas ao incremento do orzamento destinado ao convenio coa Universidade de Santiago. A concelleira María Rozas e o reitor Antonio López asinaron hoxe o acordo, que contará cunha achega municipal de 20.000 euros, o dobre da asignación do ano pasado.

A través deste convenio, as persoas derivadas polos Servizos Sociais municipais recibirán tratamento integral na Facultade de Medicina e Odontoloxía, o único centro público en Galicia onde se prestan este tipo de servizos. María Rozas destacou que “as persoas en situación de risco de exclusión teñen dificultades evidentes para acceder á atención odontolóxica, xa que o catálogo do sistema público de saúde apenas cobre extraccións dentais”.

Segundo datos do INE, un 10% da poboación española atópase en situación de “pobreza dental”, sen recursos para pagar unha consulta odontolóxica. Por iso, a concelleira destacou a importancia de reforzar este convenio, cuxo orzamento quedaba esgotado antes de finalizar o ano en edicións anteriores.

O reitor da USC, Antonio López, subliñou a utilidade social do convenio e a súa integración no programa formativo da Facultade, onde o persoal docente atende ás persoas beneficiarias coa colaboración do alumnado dos últimos cursos.

O programa inclúe unha abordaxe integral dos problemas bucodentais, con accións educativas sobre hábitos saudables, tratamentos preventivos, intervencións en patoloxías dentarias e rehabilitación de pezas.

Poderán acceder ao programa persoas de entre 5 e 80 anos que cumpran os requisitos da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá e presenten unha situación odontolóxica abordable. En anos anteriores, a media de beneficiarias situábase en 70 persoas, número que se espera incrementar en 2025, especialmente entre a poboación infantil.

⚙ Configurar cookies
0.26565790176392