O Concello de Santiago revisará o uso de hospedaxe en edificios exclusivos para garantir o dereito á vivenda

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, anunciou que o goberno municipal someterá ao Pleno deste mes a suspensión cautelar de licenzas para implantar novos usos de hospedaxe en edificio exclusivo en inmobles de uso residencial en determinadas zonas da cidade e por un prazo máximo dun ano.
A medida chega tras o anuncio realizado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, no debate sobre o estado do concello, e ten como obxectivo revisar os requisitos do uso de hospedaxe para garantir o dereito á vivenda.
Segundo explicou Lestegás, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago aprobado en febreiro de 2023 permite o uso de hospedaxe en edificio exclusivo na maior parte das ordenanzas residenciais. Non obstante, a propia normativa contempla mecanismos de control cando se producen cambios de uso de edificios completos que substitúan o seu uso característico, co fin de protexer o tecido residencial.
“Non se trata de prohibir a hospedaxe, senón de evitar a substitución de edificios enteiros de uso residencial”, subliñou o edil, advertindo de que a combinación da normativa urbanística municipal e da regulación autonómica —nomeadamente o Decreto 12/2017 da Xunta— pode favorecer a transformación de inmobles residenciais en bloques de apartamentos turísticos.
O risco non existe no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, onde xa se prohiben novos usos de hospedaxe, pero si fóra desa contorna, especialmente nas zonas máis próximas ao casco histórico.
A suspensión afectaría aos edificios residenciais existentes nas ordenanzas 1, 2, 3, 4, 7 e 9A do PXOM e aplicaríase mentres se estuda unha modificación normativa que impida a conversión de edificios residenciais en apartamentos turísticos.
En canto á actividade urbanística, o concelleiro detallou que en 2023 concedéronse 4 licenzas de obra maior para 77 vivendas (32 protexidas); en 2024 foron 14 licenzas para 211 vivendas (89 protexidas e 36 de promoción pública); e en 2025, 5 licenzas para 86 vivendas (29 protexidas). No ámbito da rehabilitación de edificios colectivos, foron 71 licenzas en 2023, 91 en 2024 e 68 en 2025.
Ademais, o Concello cederá dúas parcelas á Sociedade Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) para a construción dun mínimo de 36 vivendas de protección pública en Castro de Abaixo, na rúa Syra Alonso.