O Congreso avala a maior parte das propostas do BNG para un financiamento máis xusto para Galicia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) conseguiu que o Congreso dos Deputados avalase a maior parte das propostas incluídas na moción presentada polo seu deputado, Néstor Rego, para avanzar cara a un sistema de financiamento máis xusto que teña en conta a realidade económica, demográfica e territorial da Galicia.
En concreto, o pleno aprobou catro dos cinco puntos da iniciativa, entre eles a necesidade de reformar o sistema de financiamento autonómico e local, avanzar cara a un sistema tributario máis xusto e redistributivo e efectivizar a quita da débeda das comunidades autónomas, unha medida conseguida polo BNG no Acordo de Investidura.
Un dos puntos aprobados insta a modificar “o antes posíbel” un sistema de financiamento autonómico cualificado como caducado e ineficaz, que leva máis dunha década sen actualizarse e que, no caso galego, resulta claramente insuficiente. O BNG lembra que o modelo actual non ten en conta factores como a dispersión poboacional ou o envellecemento, que encarecen de maneira significativa a prestación dos servizos públicos.
O único punto rexeitado foi o que propoñía abrir unha negociación bilateral entre o Goberno do Estado e o Goberno galego para avanzar cara a un modelo de concerto económico, que permitiría á Galicia recadar todos os seus impostos e dotarse dunha facenda propia. PP, PSOE e Vox votaron en contra, mentres que Sumar optou pola abstención.
Néstor Rego criticou con dureza esta posición, denunciando que “os partidos de ámbito estatal negan á Galicia aquilo que si apoian noutros territorios” e acusou tanto ao PP como ao PSOE de “obedecer as directrices de Xénova e Ferraz antes que defender os intereses dos galegos e galegas”.
O Congreso tamén deu luz verde ao punto que aposta por un sistema tributario máis xusto, equitativo e redistributivo, unha medida que, segundo o BNG, reforza o principio de que “quen máis ten, máis debe contribuír” para garantir servizos públicos de calidade e combater as desigualdades sociais.
Outro dos apartados aprobados reclama a revisión do financiamento local, co obxectivo de garantir recursos suficientes aos concellos e evitar que sigan asumindo gastos impropios. O BNG lamentou a abstención do PSOE, que cualificou de “incomprensíbel”, tendo en conta a situación límite de moitos concellos galegos, especialmente os de menor tamaño.
Por último, tamén foi aprobado o punto relativo á quita da débeda autonómica, unha medida que permitirá liberar recursos e mellorar a capacidade financeira da Galicia. O BNG cualificou de “irresponsábel” o voto en contra do PP, ao que acusou de antepoñer intereses partidistas a unha medida beneficiosa para o país.