O Congreso de Down Galicia reúne en Santiago a 400 persoas para analizar os retos pendentes da educación inclusiva en España

Santiago de Compostela converterase esta fin de semana no epicentro do debate sobre educación inclusiva coa celebración do Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas”, organizado pola Federación Down Galicia. O evento terá lugar os días 24 e 25 de outubro no Palacio de Congresos da capital galega e reunirá máis de 400 persoas procedentes de distintos puntos do Estado.
Durante as dúas xornadas, profesionais, docentes, familias e alumnado compartirán experiencias e estratexias para avanzar cara a unha escola máis inclusiva e equitativa. O encontro contará con conferencias a cargo de especialistas de prestixio, así como mesas de experiencias protagonizadas por centros educativos galegos e doutras comunidades autónomas.
A apertura institucional estará presidida polo presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto González, xunto coa directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras.
A conferencia inaugural, titulada Cumpre o sistema educativo español coa Convención?, será impartida por Nuria Aparicio Fernández, xurista e vicepresidenta da Asociación Solcom, que analizará ata que punto o sistema educativo español responde aos principios de inclusión e equidade recollidos na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
Ao longo do venres abordaranse tamén cuestións xurídicas e experiencias de familias e alumnado que conviven coa diversidade nas aulas. O sábado tomará o relevo o especialista en políticas inclusivas Gerardo Echeita, quen ofrecerá unha ponencia sobre deseño universal para a participación social.
A xornada continuará con intervencións de centros galegos como o IES de Quiroga, o CEIP Nosa Señora de Xuvencos de Boborás ou o CEIP Chano Piñeiro de Gondomar, que compartirán prácticas pioneiras de inclusión nas súas comunidades educativas.
O evento rematará coa lectura de conclusións e un acto de clausura coa participación de Mar García Vidal, da Deputación da Coruña, e María Rozas, tenente alcaldesa de Santiago de Compostela.
O Congreso conta coa colaboración do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.