O Consello de Goberno da USC aprobou este xoves a creación da Cátedra de Memoria Democrática

A Universidade de Santiago dará o paso no uso responsable da intelixencia artificial impulsando unha iniciativa que combina un regulamento de aplicación xeral cun plan de formación (Plan FIAR, Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable) para a comunidade universitaria. Este foi un dos puntos a tratar na xuntanza do Consello de Goberno, na que tamén se aprobou a creación da Cátedra de Memoria Democrática da Universidade de Santiago de Compostela co apoio do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.
No que respecta á IA, a proposta da USC sitúaa entre as iniciativas máis completas e sistemáticas desenvolvidas polas universidades españolas. Mentres que boa parte das institucións conta con guías, recomendacións, instrucións ou directrices centradas en ámbitos específicos, a USC propón un marco normativo transversal acompañado dunha estratexia institucional de formación, implantación, seguimento e actualización. Tanto o regulamento como o plan aprobaranse, logo de ser debatido hoxe, nunha vindeira xuntanza do Consello de Goberno.
Pola súa banda, os obxectivos da Cátedra serán desenvolver a cooperación entre a institución compostelá e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, proxectar actividades dentro e fóra dos campus universitarios para enlazar cun amplo conxunto de demandas sociais e políticas en torno ao recoñecemento da memoria democrática e favorecer a difusión e o avance do coñecemento histórico sobre uns temas e problemas que afectan a cultura cívica e histórica da sociedade española.
Na mesma xuntanza deuse o visto bo ao regulamento de funcionamento das unidades docentes do Grao en Medicina da Universidade de Santiago, conforme ao acordado no convenio para a descentralización da docencia do título da USC. Créanse así as unidades docentes dos hospitais universitarios CHUAC e CHUVI como unidades funcionais encargadas de realizar a coordinación cos departamentos implicados na docencia descentralizada do Grao en Medicina da USC e coa Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
Segundo o acordado, formará parte das unidades docentes o profesorado que impartirá a docencia descentralizada: o profesorado con praza vinculada e asociado de Ciencias da Saúde (PACS) pertencente á USC e á universidade á que estea vinculado o hospital (UDC no caso do CHUAC e UVigo no caso do CHUVI) e o resto do profesorado da universidade local que que teña atribuída docencia nas materias que se vaian impartir. No caso de que ese profesorado non sexa suficiente, cada unidade docente deberá elevar unha proposta de novas prazas docentes, que serán convocadas equitativamente pola USC (50%) e a universidade local (50%).
O Regulamento de Transformación Dixital, Administración Electrónica e Desenvolvemento TIC, a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria, a proposta de sexenios de profesorado contratado, de prórrogas de contratos de profesorado asociado, da adscrición dunha investigadora no marco do Programa Oportunius e o apoio á futura incorporación á USC de persoal investigador RyC2021, RyC2022 e RyC2025 foron outras cuestións tratadas na xuntanza.