O Correlingua reunirá a 1.800 estudantes en Vigo baixo o lema “A mocidade activa. Por unha lingua viva”

O Correlingua celebrará este venres, 9 de maio, o seu 25 aniversario cunha xornada festiva e reivindicativa na que participarán arredor de 1.800 estudantes procedentes de 20 centros educativos de Vigo e da súa contorna. A marcha, organizada pola Asociación Cultural Correlingua coa colaboración do Concello de Vigo, desenvolverase baixo o lema “A mocidade activa. Por unha lingua viva”.
A concelleira de Educación, Olga Alonso, presentou esta nova edición acompañada do presidente da entidade organizadora, Anxo Terán. Alonso sinalou que o Correlingua é “un día de festa, reivindicativo e participativo, no que toda a cidadanía está convidada a sumarse para celebrar e defender o uso do galego”.
A marcha comezará ás 11.00 horas na Praza do Rei e percorrerá o centro da cidade ata chegar ao Parque de Castrelos, onde se celebrará un festival final con actuacións musicais de Paco Nogueiras e Pauliña. Ademais, a organización lembra que todas as persoas que queiran participar poden unirse libremente á camiñada.
Anxo Terán aproveitou a presentación para destacar o valor desta iniciativa como ferramenta de dinamización lingüística entre a mocidade. “A situación do galego é preocupante, pero con actividades como o Correlingua ou o Canta Lingua, no que este ano participaron 25 grupos, buscamos crear espazos para falar, cantar e vivir en galego”, subliñou.