O Courel acollerá este sábado o Campionato Xunta de Galicia de Trail Running de Montaña

Folgoso do Courel acollerá este sábado, 29 de agosto, o Campionato Xunta de Galicia de Trail Running de Montaña, unha proba que levará ata o municipio a deportistas e afeccionados ao deporte de montaña.
A presentación da competición tivo lugar este mércores e contou coa participación da alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro; do delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, e do responsable técnico de Trail Running da Federación Galega de Atletismo, Iván Sangiao.
Durante o acto puxéronse en valor as características do Courel como escenario para a práctica do deporte de montaña e a capacidade do municipio para acoller unha competición desta dimensión.
O Courel xa está preparado para recibir este sábado os participantes e afeccionados que se acheguen a Folgoso do Courel para desfrutar dunha xornada que combinará competición deportiva e natureza nun dos espazos máis destacados da montaña lucense.