O Demo Day Explorer 2026 de Compostela premia a plataforma dixital Kedada

Na xornada déronse a coñecer un total de seis proxectos emprendedores
premio-proxecto-quedada
26 Jun 2026

O proxecto Kedada, liderado por Sergio Dacal, impúxose no Demo Day Explorer 2026 que se desenvolveu no USC Santiago Space. A iniciativa vencedora consiste nunha plataforma dixital que promove a conexión entre persoas mediante actividades compartidas, permitindo descubrir eventos próximos, crear plans e fomentar novas relacións sociais arredor de intereses comúns. Durante a xornada, seis proxectos emprendedores presentaron as súas iniciativas ante un xurado composto por José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Adrián Dios Vicente, vicedecano de Estudantes e Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC; e Manuela Mª Gómez Vaamonde, representante de Executivas de Galicia. Tras a deliberación do xurado, fíxose entrega dos premios aos tres proxectos gañadores e dos diplomas acreditativos ás persoas participantes que completaron o programa.

O segundo posto foi parar a Nailtoo, de Victoria Díaz e Carlos Bendicho Lavilla. Este é un proxecto de innovación biomédica que desenvolve unha tecnoloxía de microporación ungueal para mellorar a penetración de medicamentos no tratamento de patoloxías das unllas, incrementando a eficacia terapéutica e reducindo os tempos de tratamento. Trátase dun resultado de investigación do grupo de investigación Paraquasil da USC.

Finalmente, o terceiro posto recaeu en Gafa Taller Solutions, de Carlos Andres Salazar e Sofia Salaza. Trátase dunha proposta baseada na combinación de intelixencia artificial e impresión 3D para o deseño e fabricación de monturas de gafas personalizadas, adaptadas ás necesidades e preferencias de cada usuario, promovendo ademais solucións sostibles e baixo demanda.

A xornada permitiu coñecer tamén as propostas de StoryLab, centrada no uso responsable das ferramentas dixitais na infancia; Iacobus, orientada á divulgación do patrimonio xacobeo; e Beltane, enfocada ao benestar persoal a través da arte e a natureza, completando unha mostra representativa da creatividade e capacidade innovadora das persoas participantes.

O programa Explorer diríxese a persoas emprendedoras do ámbito universitario e desenvólvese no USC Santiago Space, dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Banco Santander e da Xunta de Galicia. Ao longo de doce semanas, as persoas participantes reciben formación en liña e presencial a través da metodoloxía “learning by doing”, traballando na validación das ideas de negocio e no desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e sostibles.

0.37576103210449