O Deportivo e o Mainz 05 reinan no XI Torneo Internacional Cidade de Narón

O RC Deportivo da Coruña, na categoría alevín, e o FSV Mainz 05, na benxamín, proclamáronse este domingo campións do Gran Premio Deputación da Coruña, XI Torneo Internacional Cidade de Narón, que pechou tres días de competición no Estadio Municipal de Río Seco.
A cita reuniu 94 equipos e máis de 1.000 xogadores e xogadoras das categorías benxamín e alevín, convertendo Narón durante toda a fin de semana nun dos principais focos do fútbol base. Ademais de clubs galegos e doutras comunidades, participaron formacións chegadas de Portugal, Alemaña e Italia.
O torneo contou coa presenza de equipos de gran tradición no fútbol formativo, entre eles o Deportivo, o Celta de Vigo, o Sporting de Gijón e o Real Oviedo. A competición desenvolveuse a través das fases Prata e Ouro e culminou este domingo coas eliminatorias decisivas.
Na categoría benxamín, o Mainz 05 fíxose co primeiro posto, seguido polo Deportivo da Coruña, o Real Oviedo e a SD Compostela. Nos alevíns, o título foi para o Deportivo, mentres que o Celta de Vigo ocupou a segunda posición, coa Cultural y Deportiva Leonesa terceira e o Sporting de Gijón cuarto.
A entrega de premios contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro. Durante o acto entregáronse tamén os recoñecementos individuais aos mellores xogadores e porteiros de cada categoría.
A Deputación da Coruña converteuse este ano na principal patrocinadora do torneo cunha achega de 90.000 euros, equivalente ao 80% do orzamento da competición. O apoio busca reforzar unha cita que gañou peso no calendario do fútbol base e que cada ano incrementa a súa dimensión internacional.
Os encontros disputáronse en catro campos de fútbol 8, dous deles de herba natural e dous de superficie artificial. A organización calcula que máis de 5.000 persoas pasaron polas instalacións ao longo da fin de semana entre deportistas, familias, equipos técnicos e acompañantes.
A importante afluencia tamén tivo repercusión na actividade económica da zona, especialmente nos sectores da hostalaría, restauración e comercio de Narón e de Ferrolterra.
A xornada final estivo marcada ademais pola lembranza a Juan Manuel Rey Guerra, presidente da Sociedade Deportiva e Cultural O Freixo, recentemente falecido. O torneo pechou así unha undécima edición que reforza o seu papel como unha das grandes citas do fútbol base en Galicia e como escaparate para clubs nacionais e internacionais.