O Día do Traxe Galego cumpre 46 edicións de posta en valor da indumentaria tradicional no ano do 30 aniversario da Asociación

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación do programa da 46ª edición do Día do Traxe Galego, unha cita tradicional das festas do Apóstolo que este ano contará cunha proposta renovada e que coincide co 30 aniversario da Asociación do Traxe Galego.
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada pola presidenta e o vicepresidente da Asociación, Consuelo Vázquez e Aurelio Gianzo, e por Eva Calvo (El Corte Inglés), explicou as novidades principais deste ano: o desfile partirá das sete portas históricas da cidade vella para confluir na praza do Obradoiro, e contará coa participación activa das pandereteiras como parte esencial da animación.
“Queremos encher as rúas de alegría e cor, convidando a toda a veciñanza a vestir con pezas tradicionais, aínda que sexa un complemento como un pano ou uns pendentes”, animou a concelleira. A Asociación do Traxe promove tamén a campaña en redes “Eu o 20 poño o traxe, e ti?”, para incentivar a participación.
O evento conta co apoio do Concello de Santiago e o patrocinio de El Corte Inglés, ademais da colaboración do Hotel San Martiño Pinario, Fixagal, Floristería Lilas e Na Ristra.
📌 Programa do Día do Traxe Galego – 20 de xullo
12.15 h Desfile ata a praza do Obradoiro desde as sete portas: Porta Faxeira, Porta da Mámoa, Arco de Mazarelos, Porta do Camiño, Porta da Pena, Porta de San Francisco e Porta da Trinidade.
13.00 h Misa en San Paio de Antealtares.
14.00 h Recepción da Corporación Municipal.
16.00 h Concentración dos participantes no certame de traxes na Hospedería de San Martiño Pinario.
19.00 h Desfile de traxes tradicionais dende San Martiño ata a praza da Quintana.
19.45 h Exhibición, concurso de traxes e entrega de diplomas.