O DJ vigués Mario Vice, nomeado nos premios nacionais de música electrónica

O DJ e produtor vigués Mario Vice foi nomeado a mellor artista revelación nos XII Vicious Music Awards, os premios nacionais máis importantes da música electrónica en España, que se entregarán o 26 de novembro no Teatro Kapital de Madrid.
DJ Mario Vice
25 Oct 2025

O DJ e produtor Mario Vice, un dos nomes máis destacados da escena electrónica galega, acaba de ser nomeado a mellor artista revelación nos XII Vicious Music Awards, os premios nacionais de música electrónica máis prestixiosos de España, organizados pola revista especializada Vicious Magazine.

Trátase do primeiro DJ galego que opta a un destes recoñecementos, un fito que consolida a súa proxección dentro e fóra de Galicia. A gala de entrega terá lugar o 26 de novembro no Teatro Kapital de Madrid.

“Non podo estar máis contento e agradecido aos Vicious Music Awards por nomearme na categoría de mellor artista revelación. Isto dálle moita forza á miña paixón e aos meus soños”, afirmou o artista vigués tras coñecer a noticia.

Mario Vice consolidouse como emblema do movemento house en Galicia grazas á súa marca Klubbers, unha sesión mensual que está a piques de cumprir tres anos e que se converteu nunha das festas electrónicas de referencia da noite viguesa. O próximo 1 de novembro, a cita regresa a Rouge The Sound Club, unha das salas máis emblemáticas do Arenal, cun cartel encabezado polo propio Mario Vice e os DJs Dani Villa, Nayi Jaén e Saúl Guanda.

O xurado dos Vicious Music Awards destacou o crecemento artístico e profesional do DJ durante 2025. Ademais da notoriedade acadada cos eventos Klubbers, Mario Vice comezou o ano cunha xira por Canadá, con tres actuacións en Toronto e unha máis nun dos espazos de referencia da música underground norteamericana. Ao longo do ano tamén actuou en Londres, Ibiza, Andalucía e na Comunidade Valenciana, consolidando a súa proxección internacional.

Con esta nomeación, Mario Vice sitúa a Vigo e Galicia no mapa da música electrónica estatal, representando unha nova xeración de artistas que están a renovar a escena club galega cun son fresco e cosmopolita.

⚙ Configurar cookies
0.36441993713379