O documental 'Fillos do Vento: A Rapa' do lugués Brais Revaldería chega a América

O cineasta lucense Brais Revaldería levará a América a súa obra Fillos do Vento: A Rapa, unha proposta inmersiva arredor da Rapa das Bestas de Sabucedo, no concello de A Estrada.
A creación celebrará a súa estrea norteamericana no SXSW 2026, en Austin, onde foi seleccionada dentro da categoría oficial XR Experience Spotlight e poderá verse do 15 ao 17 de marzo no Fairmont Austin. Esta nova presenza internacional consolida a traxectoria do proxecto tras o seu percorrido por Cannes e Sevilla.
A peza xa fora unha das tres candidatas finalistas na súa categoría en Festival de Cannes. O seu lanzamento internacional produciuse no Marché du Film do certame francés en 2025 e, máis tarde, foi presentada en España no Festival de Cine Europeo de Sevilla, reforzando así a súa proxección exterior antes de dar o salto ao mercado estadounidense.
Dirixida por Revaldería, gañador de dous premios Emmy polas súas colaboracións con HBO en producións como Westworld e Game of Thrones, a obra é froito de sete anos consecutivos de rodaxe nas montañas de Sabucedo. Cada verán, neste enclave celébrase unha das tradicións máis singulares de Europa: a Rapa das Bestas, con máis de 500 anos de historia documentada e recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional. Trátase dun rito comunitario no que os veciños baixan os cabalos salvaxes do monte ata o curro para marcalos, desparasitalos e cortarlles as crinas, mantendo vivo un pacto ancestral entre a comunidade e a natureza que se transmite de xeración en xeración.
Fillos do Vento: A Rapa non responde ao formato clásico de longametraxe, senón que se presenta como unha experiencia inmersiva cunha proxección panorámica de 270 graos, imaxe en 8K, son ambisónico espacializado e un sistema de difusión aromática que recrea os cheiros da terra e do monte galego. A totalidade das imaxes procede exclusivamente de material documental real captado ao longo de distintas edicións da Rapa, sen recreacións nin xeración dixital.
A proposta sitúa o espectador no centro do ritual, desde a subida ao monte ata o encontro coas bestas e o momento do curro, e transforma a tradición galega nunha reflexión contemporánea sobre identidade, territorio e cambio cultural, nun escenario marcado por novas tensións como a expansión dos parques eólicos na paisaxe rural. “Durante sete anos regresamos a estas montañas porque a historia precisaba tempo. A Rapa non é folclore: é unha relación viva entre unha comunidade e o salvaxe. A tecnoloxía inmersiva permítenos dar un paso máis: non só amosar este mundo, senón situar o espectador dentro del”, explica o director.
O proxecto está codirixido e conta coa produción artística de María Fernanda Ordoñez Morla, mentres que a produción executiva corre a cargo de Pedro Revaldería, de Evernia Media. A produción está asinada por Cinexin Studios, coa colaboración de equipos técnicos en España, Estados Unidos e Latinoamérica.
A iniciativa recibiu o respaldo da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra, do Concello da Estrada e do Consulado General de España en Nueva York. Ademais, detrás da produción atópase 100 Sutton Studios, compañía con sede en Nova York e Galicia fundada polo propio Revaldería e especializada en narrativa inmersiva e proxectos XR de proxección internacional.