O DOG publica a resolución das subvencións ás federacións galegas que participarán no Plan Corresponsables 2025

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables 2025 a través de actividades de animación socio deportiva. Nesta edición serán 16 as federacións participantes: xudo, remo, bádminton, tenis de mesa, squash, balonmán, bolos, salvamento e socorrismo, piragüismo, vela, taekwondo, fútbol, loita, montañismo, esgrima e surf.
O Plan Corresponsables promove, por cuarto ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos e fillas de ata 16 anos ao seu cargo, habilitando servizos de coidado profesional con actividades socio deportivas. Así, mellórase a vida cotiá das familias e a súa conciliación laboral, familiar e persoal, especialmente coincidindo coas vacacións escolares.
Ademais de impulsar a igualdade e a corresponsabilidade, o plan fomenta o deporte base, achegando diferentes modalidades á mocidade, favorecendo a convivencia e o xogo en equipo desde idades temperás e promovendo hábitos de vida saudables grazas aos beneficios do deporte físico e mental. Tamén contribúe á creación de emprego de calidade no sector dos coidados, mediante bolsas de coidado profesional que garanten a calidade dos servizos.
A Xunta financia os gastos derivados da habilitación destes servizos de coidado, incluíndo salarios, cotizacións á Seguridade Social e actividades de animación socio deportiva organizadas polas federacións nos seus programas.
Nas edicións anteriores, a participación no plan sumou case 40.000 menores. Tras o éxito acadado, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio coas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo), que tamén poden organizar actividades e axudar á conciliación das familias a través do deporte.