O DOG publica hoxe as axudas para actividades de organizacións e asociacións agrarias

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras das achegas ás organizacións profesionais e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario, que neste 2026 contan cun orzamento de 700.000 euros.
Estas achegas teñen como obxectivo sufragar os gastos de realización de actividades de representación e de formación das persoas asociadas das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e das persoas agricultoras galegas en xeral.
Os fondos cubrirán os custos de funcións e actuacións que lles son propias conforme á normativa legal; funcións ordinarias de xestión interna; de representación perante as institucións ou de participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados, como poden ser mesas ou comisións. Ademais, a través desta partida poderanse financiar a formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario, así como actividades de fomento do asociacionismo agrario.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG.