O Encontro Mundial de Humorismo chega ao seu fin con máis de 20.000 persoas asistentes

Péchase o pano da quinta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EHMU) con máis de 20.000 espectadoras e espectadores nas máis de 20 funcións ou propostas programadas. Foron máis de once xornadas nas que o público se deu cita na Coruña para gozar en directo das figuras máis destacadas da escena humorística, como Lucho Mellera, Luis Piedrahita, Henar Álvarez, Javier Veiga, Marta Hazas, Hovik, Ricardo Moya, Galder Varas, Faemino e Cansado, Carlos Ballarta, La Ruina, Franco Escamilla, Carlos Blanco, Goyo Jiménez, Marta González de Vega, Touriñán, Álex Clavero, Ana Morgade e JJ Vaquero.
Ademais, por primeira vez na historia do evento, o EMHU saíu á rúa coa exposición ao aire libre Guonderful Forges. Os anos da esperanza, que puido visitarse ata o pasado domingo 4 de maio.
A pesar de sufrir o apagón xeneralizado a nivel estatal —que impediu, o luns 28, a estrea en exclusiva da segunda tempada da serie de televisión Atasco—, o Encontro Mundial consolidouse non só como o festival de artes escénicas con maior público de Galicia, senón tamén como o evento de comedia máis importante do Estado.
Nesta edición, a máis internacional ata o de agora grazas á presenza de Lucho Mellera, Carlos Ballarta e Franco Escamilla, o EMHU afianzou a súa proxección a nivel estatal, un dato que se desprende da información sobre a procedencia do público: despois da Coruña, Madrid sitúase como a segunda cidade con maior número de asistentes ao festival.
Non se trata dun feito illado, xa que no ranking das localidades por espectadores tamén ocupan os primeiros postos —ademais de Vigo (3ª posición) e Santiago (4ª posición)—, Valencia, Barcelona, Málaga, Sevilla e Bilbao —por enriba de localidades como Ferrol ou Lugo—; aínda que tamén houbo espectáculos con público procedente de Las Palmas de Gran Canaria, Castelldefels, Valladolid ou Palma de Mallorca, entre outras. Así, nesta quinta edición, o 37,5 % do público que asistiu ao EMHU é de fóra de Galicia.