O Enreguéifate inicia a súa novena edición con actividades “doutro universo”

O proxecto Enreguéifate deu comezo á súa novena edición cunha presentación no Pazo de Raxoi, onde se deron a coñecer as novidades deste programa que continúa a consolidarse como un referente na promoción da improvisación oral en verso —a regueifa— como ferramenta para revitalizar o uso do galego.
Impulsado polos Servizos de Normalización Lingüística de Santiago, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo, o proxecto incorpora este ano un novo concello, Arzúa, e aposta por seguir achegando a tradición regueifeira ás novas xeracións.
Na presentación participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; a concelleira de Arzúa, Lucía López Sobrado; a concelleira de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; e o concelleiro de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira, acompañados polo equipo formador do Enreguéifate —Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo de Herbón e Manuele Pardo—, que abriron o acto cunha regueifa.
Baixo o lema “Versos doutro universo”, Goretti Sanmartín destacou que esta edición “invita a mirar o mundo desde a poesía improvisada, fomentando o galego a través da creatividade e da retranca”.
O programa arrinca este 14 de novembro cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A actividade ofrecerá a 45 docentes galegos recursos para empregar a regueifa nas aulas como ferramenta didáctica, fomentando a expresión, a empatía e o traballo en equipo.
Durante o curso desenvolveranse preto de 80 obradoiros escolares en centros de 5º e 6º de primaria e ESO dos concellos participantes. As sesións estarán a cargo de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo, co obxectivo de reforzar a autoestima lingüística e creativa do alumnado.
O certame de regueifas en vídeo, aberto a toda a cidadanía, mantén a súa aposta pola participación masiva. O prazo estará aberto do 12 de xaneiro ao 6 de marzo de 2026, cun máximo de tres minutos por vídeo e un mínimo de dúas persoas regueifando en galego sobre tema libre.
Haberá oito premios en cada categoría (escolar e xeral), recoñecendo desde a “regueifa máis diversa” até a “máis reivindicativa” ou a “máis entroideira”. A entrega de premios celebrarase o 16 de abril de 2026 no Teatro Principal de Pontevedra, nun encontro que reunirá á comunidade regueifeira galega.