O equipo mixto do Club Ximnasia Pavillón proclámase campión de España de Ximnasia Estética de Grupo

O equipo mixto de Ximnasia Estética de Grupo do Club Ximnasia Pavillón proclamouse esta fin de semana campión de España en Huesca tras completar dous exercicios que lle permitiron acadar o título nacional.
Desde a entidade destacaron o traballo realizado polo conxunto ao longo da competición e agradeceron o apoio recibido durante toda a tempada. “Grazas a todas as persoas que nos apoiaron durante esta tempada e a Rítmica Agarimo por acompañarnos no camiño”, sinalaron tras a consecución do campionato.
Este éxito engádese a outros resultados destacados obtidos polo club ao longo da presente campaña deportiva. Entre eles figura o ouro internacional conquistado en Bulgaria polo equipo júnior mixto.
A estes logros súmanse tamén os 98 podios acadados no Campionato Galego de Trampolín, o cuarto posto conseguido no Campionato Galego Escolar disputado en Pontevedra e outros resultados obtidos nas diferentes competicións celebradas durante a tempada.