O Festival Abanea achega 15 funcións de danza contemporánea ás catro provincias con apoio da Xunta

O Festival Abanea leva 15 funcións de danza contemporánea por toda Galicia do 16 ao 20 de xullo, con compañías de oito territorios e múltiples actividades paralelas.
Arte
10 Jul 2025

O encontro celebrarase do 16 ao 20 de xullo en Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova, cun programa artístico con compañías de Galicia, Euskadi, Valencia, Navarra, Madrid, Barcelona, Canarias e Chile.

A cuarta edición do Festival Abanea ofrecerá 15 funcións de danza contemporánea de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova, grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e ISMO Cultura, entidade organizadora do evento.

A presentación do programa tivo lugar na Cidade da Cultura, coa presenza do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; das responsables do festival, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas; e de representantes institucionais dos concellos participantes. Durante o acto, Andrea Castro presentou a primeira fase de Lola y los lamentos, mentres que María de Vicente estrea A mona de seda, como artista seleccionada do programa bienal 2024–2025.

Jacobo Sutil destacou o bo momento creativo da danza galega e o enfoque aberto e participativo do festival, con especial atención ao foro profesional sobre distribución nacional e internacional que terá lugar o 16 de xullo en Ames. O representante da Xunta contextualizou o apoio institucional como parte dun programa global que inclúe formación, emprendemento e proxección exterior.

Programación escénica e participación cidadá

O festival comeza o mércores 16 de xullo en Ames, con pezas como Alleo, Burnt e A mona de seda. O día 17 chega a Outes coas obras Unarys, Lola y los lamentos e Seu aquí. Marín acolle o 18 de xullo as propostas Honest, A mona de seda e Todo este ruido. O día 19, en Foz, representaranse Alleo, A mona de seda e Quema, e o domingo 20 en Celanova, Alleo, Lola y los lamentos e Un baile ceibe.

Abanea complétase con 12 actividades de mediación, encontros profesionais, podcast en directo, danza comunitaria e accións participativas como o happening de danza-clown e a discoteca interxeracional, rematando cada xornada cunha pista de baile aberta.

⚙ Configurar cookies
0.27736592292786