O Festival Atlántica regresa cunha aposta decidida pola mocidade e a homenaxe a Castelao

A cita contará con 27 sedes espalladas por Galicia que acollerán un total de 85 funcións nas que participarán 51 artistas
atlantica-fest
17 Jun 2025

O Festival Atlántica vén de dar a coñecer o programa completo da súa décimo terceira edición, que se celebrará entre o 28 de xuño e o 6 de xullo. A presentación oficial tivo lugar en Santiago de Compostela nun acto que contou coa participación de representantes das principais institucións implicadas: Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora do festival.

Atlántica, que conta co apoio da Deputación da Coruña, chega cunha edición que aposta pola renovación e a transmisión da tradición oral nun contexto de transformación social. O festival mira cara ás novas xeracións, coa intención de crear e consolidar novos públicos.

Así, entre o 28 de xuño e o 6 de xullo, 27 sedes espalladas por Galicia acollerán un total de 85 funcións nas que participarán 51 artistas chegados de Galicia, mais tamén de lugares tan diversos como Arxentina, Escocia, Portugal, Italia, Valencia, Aragón, Canarias e Zamora.

Durante a súa intervención, Xosé Penas destacou o carácter integrador do evento: “Atlántica é un festival que suma, integrador, que medra coas culturas como elemento motriz dunha sociedade aberta, rica e plural”. E engadiu: “Faino facendo uso da lingua, o maior elemento patrimonial que contamos nestes tempos tan escuros como os que estamos a vivir”.

O deputado da Deputación da Coruña puxo tamén en valor o papel da palabra como ferramenta para construír comunidade e combater a intolerancia: “Falar do patrimonio oral, do uso da palabra como símbolo e como guía de coñecemento de as nosas historias e tradicions orais, é todo un luxo; pero a palabra é a mellor das armas e das ferramentas diante da intolerancia e do odio que emanan de todos aqueles que ven na palabra unha simple unión de letras”.

Homenaxe a Castelao

Un dos momentos destacados desta edición será a homenaxe a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento. O festival quere poñer en valor a súa figura como narrador e como axente fundamental na recuperación da cultura galega. As lembranzas orais insisten na súa capacidade para emocionar coa palabra viva e co conto breve, polo que Atlántica decide tamén celebrar ese “Castelao contador”.

A homenaxe materializarase en dúas propostas principais: o 1 de xullo desenvolverase unha lectura pública da súa obra no Panteón de Galegos Ilustres baixo o título Como dicía Castelao, que rematará cun concerto das Bouba Pandeireteiras. Ademais, o 3 de xullo terá lugar un roteiro narrado polas rúas de Santiago titulado A pegada de Castelao, da man de Quico Cadaval e Carme Varela, que recuperará a memoria dos nove anos que o autor pasou na capital galega.

 

⚙ Configurar cookies
0.3218469619751