O Festival de Pardiñas repartirase en dúas fins de semana
Parga contará este ano cunha nova edición do Festival de Pardiñas, unha edición, a XLII, que será diferente pola problemática sanitaria. Feira, arte, música, festa, gastronomía… A perfecta fusión entre festival e “romaxe” chega unha vez máis a Pardiñas, en Guitiriz.
A primeira novidade é que o festival terá dúas quendas en dúas fins de semana. A primeira terá lugar do 6 ao 8 e a segunda do 27 ao 29 de agosto. Pero x o día 1 realizarán un acto inaugural onde se darán a coñecer as actividades completas do festival. Esta presentación será no Santo Alberte, onde todos os anos festexan a Festa da Faba.
O Festival de Pardiñas arrincará oficialmente o venres 6 de agosto, no campo da feira de Guitiriz, cun pregón especial a cargo da poeta e activista Luz Fandiño, quen estará acompañada dun dúo musical que interpretará os seus poemas. Posteriormente haberá un concerto de música.
Ao día seguinte, contarán cunha nova edición da xa clásica Mostra de artesáns de instrumentos de música tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, no fermoso campo da feira de Parga. A Mostra terá o seu pregón correspondente, un pasarrúas e un concerto de música tradicional.
O domingo, día 8 de agosto, tamén no campo da feira de Parga, realizarán a Mostra de artesanía, un encontro e aproveitarase para facer unha exhibición de billarda, concertos, pasarrúas e máis actividades.
SEGUNDA FIN DE SEMANA
A segunda parte do festival de Pardiñas arranca o venres 27, no campo da feira de Guitiriz cun concerto de música, xa cara a noite. No día seguinte, o sábado 28, a verdadeira protagonista do festival será a música rock, mais tamén os obradoiros que teñen preparados de graffiti, con xogos na rúa e brinquedos, sen que falte a esperada entrega dos premios no XLII Certame Terra Chá. Nesta ocasión, os galardóns serán entregados pola familia de Xela Arias, poeta homenaxeada co Día das Letras Galegas deste ano, mais por outros autores e autoras convidadas.
O último domingo de agosto estará decicado ás aldeas de Pardiñas. Deste modo, rematarán o encontro cunha sesión vermú e con máis música en directo na Casa das Artes.
Como todos os anos xa están á venda as camisetas desta edición en talles para nenos, unisex e entallada. Poden adquirise en Xoldra Guitiriz.