O Festival do Pasatempo de Betanzos aposta por un cartel con grandes nomes da música galega

O Parque do Pasatempo de Betanzos volverá ser escenario da música en directo cunha nova edición do Festival do Pasatempo, que se celebrará os días venres 27 e sábado 28 de xuño. O evento reunirá nesta ocasión a artistas como Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño, nunha programación que mestura música tradicional, sons contemporáneos e linguas propias do Estado. A programación por días pode consultarse nesta ligazón.
O festival aposta por unha combinación de nomes consolidados e propostas emerxentes que presentarán espectáculos completos e singulares. É unha proposta que busca poñer en valor o propio espazo onde se celebra. O parque, construído no século XIX polos indianos de Betanzos, é un lugar único recoñecido como Ben de Interese Cultural e actualmente en proceso de restauración.
A iniciativa está promovida pola produtora PlayPlan, organizadora doutras citas como SonRías Baixas ou BIGSOUND Pontevedra, e conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, Xunta de Galicia, Xacobeo, Deputación da Coruña, Concello de Betanzos e El Águila.