O festival Feito a man encherá de música as rúas da cidade vella de Santiago do 4 ao 25 de agosto

Do 4 ao 25 de agosto, Santiago de Compostela acollerá a vixésimo segunda edición do festival Feito a man, unha cita xa consolidada que converterá as rúas e prazas da cidade vella nun escenario aberto con música ao vivo e actividades culturais para todos os públicos.
Na presentación celebrada no Pazo de Raxoi, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, salientou que a continuidade do festival demostra que o seu formato —adaptado á escala e ao ritmo da cidade histórica, primando a calidade artística e a integración co espazo— “funciona, e 22 anos dan boa mostra diso”.
A directora do festival, Ánxeles Porto, reivindicou un formato “que gusta ao público e funciona” e destacou a variedade de xéneros presentes na programación, que este ano inclúe por primeira vez teatro de improvisación, ademais dunha exposición fotográfica de rúa en colaboración con Greenpeace sobre o voluntariado en Galicia.
A programación reúne artistas galegos de referencia como Sumrrá, Nani García Trío, A Banda da Loba ou Santi Araujo, e nomes internacionais como Luiz Caracol (Portugal), Luciana Yuri (Arxentina) ou Atempo (Cuba). O festival ofrecerá unha ampla diversidade de estilos, desde jazz ata trip-hop, pasando por funk, blues e folk.
O evento está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, con apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, e coa colaboración de empresas como Casa de Xantar O Dezaseis, Gadis, Froq ou Vincusys. Conta con 14 espazos emblemáticos, como a Praza de Feixóo, a Rúa de Xelmírez, a Praza da Quintana ou San Paio de Antealtares, entre outros.
O Feito a man 2025 comezará o 4 de agosto na Praza da Quintana coas actuacións de Sumrrá e A Banda das Crechas, e pechará o 25 de agosto na Fonte de San Antonio cunha mostra de alumnado de WAX! Cultura DJ.