O Festival Internacional de Teatro de Ourense volverá situar a cidade no epicentro das artes escénicas

A cidade de Ourense acollerá do 16 ao 26 de outubro a 18ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), unha cita que volverá situar a cidade como punto de encontro para compañías escénicas galegas e internacionais. A organización do festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
As representacións desenvolveranse en catro espazos da cidade: o Teatro Principal, o Liceo Recreo Ourensán, a Sala Emilia Pardo Bazán do campus universitario e a Agrupación Cultural Auriense, baixo a dirección de Sarabela Teatro.
FITO 2025 contará con 24 funcións de 19 compañías en distintos espazos, combinando xéneros, temáticas e disciplinas. Entre os catro estrenos absolutos destacan os desenvolvidos no proxecto '67 Graos. Ourense Fervescénica', que se presentarán o mércores 22 de outubro na Sala Emilia Pardo Bazán, e 'Cuore de Italia', da compañía Priscila, na Agrupación Cultural Auriense, unha proposta híbrida de música e teatro que ofrece “unha viaxe desenfadada pola tradición musical italiana”.
Outros estrenos inclúen 'Sophie non é o meu nome de guerra', da compañía Redrum, baseada na historia dunha persoa emigrante, que se presentará o domingo 19, e 'Xoguetes rotos', de Barrosanta en coprodución con ButacaZero, que se estreará o venres 24 no Teatro Principal, abordando temas como a identidade e a liberdade persoal no Vigo industrial dos anos setenta.
Entre as compañías galegas, Elefante Elegante abrirá o FITO o xoves 16 no Teatro Principal con 'Alta costura'; ButacaZero presentará 'Melón pelado' o venres 17 no Liceo Recreo Ourensán; Redrum Teatro levará 'Sophie non é o meu nome de guerra' ao mesmo escenario o domingo 19; e Producións Teatrais Excéntricas representará 'Os dous de sempre' o sábado 25 tamén no Liceo. As propostas de Elefante Elegante e Excéntricas contaron con subvención á creación escénica por parte da Xunta.
A programación nacional e internacional incluirá 'Antiga novidade', do creador madrileño Nacho Vera, o sábado 18 no Teatro Principal; 'Feliz día', da compañía arxentina Suttotos, o xoves 23; e 'Amalia y el río', do grupo extremeño Guirigai, que clausurará o festival o domingo 26, tamén no Teatro Principal.
PROGRAMA COMPLETO DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE FITO 2025