O festival internacional +QJazz volve á Coruña con jazz, flamenco, blues e música cubana

O Teatro Colón acollerá unha nova edición do festival internacional +QJazz, que se celebrará entre o 1 e o 8 de xullo en distintos espazos da cidade. No acto de presentación estivo o concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, acompañado por Pepe Doré, director do certame.
“Desde o Goberno de Inés Rey levamos anos apoiando esta iniciativa porque nela conflúen os nosos espazos singulares ao aire libre, o emblemático Teatro Colón e as salas de concertos, piar fundamental da cultura na cidade”, sinalou Castro durante a presentación.
O festival reafirma a súa identidade cun cartel “exquisito e ecléctico”, que combina artistas consagrados do jazz, lendas do son cubano, mestres do flamenco-jazz e propostas máis frescas como o blues europeo ou a música popular brasileira. O Teatro Colón, o Jazz Filloa, o Garufa Club, a Sala Mardi Gras e a praza de Azcárraga serán os principais escenarios dun evento que promete converter a cidade nun gran epicentro musical.
A programación comezará o martes 1 de xullo cun concerto no Teatro Colón a cargo de Champian Fulton Quartet. A recoñecida pianista e vocalista estadounidense traerá a Galicia “un jazz clásico e sofisticado”, influenciado por figuras como Sarah Vaughan, Bud Powell ou Count Basie.
O mércores 2 de xullo será a quenda de Marcel Pascual Quinteto no Jazz Filloa. O vibracionista catalán presentará *Fluctuaciones*, unha proposta de jazz contemporáneo con delicadeza melódica e unha destacada calidade técnica.
O xoves 3 de xullo, o Garufa Club acollerá a actuación do Carles Benavent Trío. O baixista, considerado unha lenda do flamenco-jazz e colaborador de Paco de Lucía, Miles Davis ou Chick Corea, promete unha noite “chea de matices e liberdade creativa”.
Un dos pratos fortes da edición será o concerto de Eliades Ochoa o venres 4 de xullo no Teatro Colón. O artista cubano, membro fundador do Buena Vista Social Club, é coñecido pola súa voz e guitarra en cancións icónicas como *Chan Chan*, e atesoura múltiples Grammys Latinos e unha longa traxectoria internacional.
O sábado 5 de xullo, o Garufa Club acollerá á banda coruñesa Turma Caipira, especializada en música popular brasileira, cun repertorio que vai desde a samba e a bossa nova ata o baião. Liderados pola voz de Marga Ramos, estarán acompañados por músicos de ampla traxectoria como Samuel Pérez, Quique Alvarado e Fran Castro.
O domingo 6 de xullo actuará Quique Gómez & His Vipers na Sala Mardi Gras. Considerados unha das mellores bandas de blues e rhythm & blues de Europa, destacan pola forza escénica e a autenticidade do seu son.
O festival pecharase o martes 8 de xullo cun concerto gratuíto na praza de Azcárraga de Rick Estrin & The Nightcats. A banda estadounidense, gañadora de múltiples Blues Music Awards, ofrecerá un directo “explosivo e cheo de carisma”, combinando blues tradicional, swing, jump blues e rockabilly.