O Festival Lanzadeira adiántase a agosto para mostrar o talento das bandas do Centro Xove da Almáciga

A cuarta edición do Lanzadeira terá lugar o venres 22 de agosto na Praza 8 de marzo con Patrik, Chiskeiro, Ginko Biloba e Zeltia Irevire.
Lanzadeira Festival 2025
21 Aug 2025

O Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga volverá encher de música a cidade coa cuarta edición do festival Lanzadeira, que este ano adiántase ao mes de agosto. A cita será o venres 22 na Praza 8 de marzo, con entrada libre, a partir das 19.30 horas.

O Lanzadeira ofrece unha oportunidade única para que o público de Santiago coñeza o potencial e o talento das e dos artistas novos de Compostela que teñen como espazo de referencia os locais de ensaio da Almáciga. Ademais, supón unha parte esencial do proceso formativo que procura a profesionalización dos grupos, xa que lles permite preparar actuacións en directo cun equipo técnico especializado e cunha montaxe máis avanzada en son e iluminación, grazas ao reforzo do departamento de Mocidade.

Nesta edición, o festival contará con catro propostas musicais que abranguen diferentes estilos:

Patrik, co seu country.

Chiskeiro, con enerxía punk.

Ginko Biloba, apostando polo rock alternativo.

Zeltia Irevire, que pechará a noite co seu folk tribal.

Moitas destas bandas xa gañaron presenza nos últimos meses, actuando en citas destacadas como o Banquete de Conxo, as festas do barrio de San Pedro ou os concertos de Galeras nas festas do Apóstolo.

⚙ Configurar cookies
0.27597904205322