O Festival Maré expande a súa programación con obradoiros e actuacións nos barrios da cidade

O Festival Maré, de músicas e artes atlánticas, presenta este ano Maré Expandido, un programa paralelo que achega actividades culturais a seis centros socioculturais municipais. Entre o xoves 25 e o domingo 28 de setembro desenvolveranse obradoiros e actuacións abertos a toda a cidadanía.
A programación arranca o xoves 25 no Centro Xove da Almáciga cun obradoiro de percusión africana impartido por Latexo Percusión de 16.00 a 18.00 horas, con inscrición gratuíta e prazas limitadas. Ese mesmo día, ás 18.30 horas, o CSC Maruxa e Coralia acollerá un concerto de Leiden.
O venres 26 será a quenda da danza afro no Centro da Gracia, da man de Trópico de Grelos, con inscrición gratuíta. Pola noite, ás 20.30 horas, Trinka actuará de novo no CSC Maruxa e Coralia.
O sábado 27 a programación continúa co concerto de Briela Ojeda, tamén no CSC Maruxa e Coralia ás 19.00 horas.
O domingo 28 pecha Maré Expandido cun obradoiro de circo impartido por Circonove no CSC Romaño, de 11.30 a 13.00 horas, dirixido a rapazada de 6 a 14 anos. Na tarde, ás 17.00 horas, a Sala das Máquinas acollerá o espectáculo “A danza como memoria, resistencia e coidado”, con Antón Reixa e Kirenia Martínez.
Con esta proposta, Maré espállase pola cidade e entra nos barrios, reforzando a súa aposta pola cultura como un dereito de todas e todos. O festival humanizado combina respecto pola tradición e innovación, abordando retos sociais como a crise climática, a saúde mental ou a loita contra a violencia machista, e converténdose nun espazo de encontro e política cultural compartida.