O Festival Son do Pazo promove a música galega coa colaboración da Xunta de Galicia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación do X Festival Son do Pazo 2025, que se celebrará os días 30 e 31 de agosto no Pazo de Mos coa colaboración da Xunta de Galicia.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o traballo deste festival polo folclore galego e a súa aposta por achegar a música tradicional e ritmos celtas internacionais a públicos diversos. Subliñou tamén a importancia de contar con propostas culturais gratuítas e accesibles para todas as idades. Ademais, lembrou que este evento forma parte da campaña 'Para gustos, cultura', impulsada pola Xunta para os meses de verán con máis de 3.400 actividades en 200 concellos.
A programación do sábado inclúe as actuacións da banda de gaitas Airiños do Castelo, Sheila Patricia, Algaire, Mekanika Rolling Band e Mediarea, ademais das Olimpíadas Rurais, o concurso de cuartetos e o pasarrúas con Treboada Baixo Miño. O domingo, haberá actuacións de Zurrumalla, unha sesión vermú, un obradoiro de baile tradicional a cargo de Hadrián García e o espectáculo infantil de Uxía Golosa e a Banda Molona.