O gasto escolar alcanza este ano os 1.680 euros anuais por fillo en Galicia, segundo a OCU

As familias galegas afrontan un gasto medio de 1.680 euros ao ano por fillo para cubrir as necesidades educativas, segundo os datos publicados pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) con motivo do inicio do curso 2026/2027. A contía sitúa Galicia por riba doutras comunidades como Castela e León e Castela-A Mancha, aínda que lonxe dos niveis de gasto de Madrid, Cataluña ou a Comunidade Valenciana.
O desembolso varía considerablemente en función do tipo de centro. De acordo co estudo da OCU, a media nacional sitúase nos 1.294 euros por alumno nos centros públicos, mentres que ascende a 3.450 euros nos concertados e chega aos 8.761 euros nos privados.
Por comunidades, Madrid encabeza o gasto educativo anual, con arredor de 3.512 euros por fillo. Séguena Cataluña, con 2.994 euros; a Comunidade Valenciana, con 2.190; e Andalucía, con 2.007. Galicia rexistra unha media de 1.680 euros, fronte aos 1.546 euros de Castela e León e os 1.525 de Castela-A Mancha.
O inicio do curso supón ademais un importante esforzo económico concentrado especialmente nos últimos días de agosto e primeiros de setembro. Segundo unha previsión elaborada pola aplicación financeira Plazo, as familias españolas calculan gastar de media 550 euros por fillo exclusivamente en roupa, libros e material escolar. A cantidade elévase ata os 773 euros se se engaden conceptos como o uniforme, a roupa deportiva, a matrícula e o comedor.
Entre estes gastos, a roupa é a partida que concentra o maior desembolso, cunha media de 264 euros por neno, seguida dos libros de texto, con 188 euros, e do material escolar, con 98 euros. Pola súa banda, a OCU estima que os libros supoñen unha media de 161 euros nos centros públicos, 237 nos concertados e 302 nos privados.
A matrícula, o comedor e as actividades extraescolares completan algunhas das principais partidas que incrementan o custo da educación. As organizacións lembran, ademais, que o gasto final pode variar significativamente en función da comunidade autónoma e da existencia de programas de gratuidade de libros.
Ante este desembolso, a maioría dos fogares recorre a fórmulas de financiamento ou fraccionamento. Segundo os datos de Plazo, o 83 % das familias necesitará algunha ferramenta de pagamento ou financiamento para facer fronte aos gastos do comezo do curso. Un 33 % optará por dividir os pagamentos, mentres que un 25 % recorrerá á tarxeta de crédito e un 23 % combinará aforro e crédito. Só o 17 % poderá asumir todos os gastos directamente cos seus aforros.
A procura de prezos máis baixos tamén se converte nunha práctica habitual durante a campaña de volta ao cole. Un estudo sobre hábitos de consumo elaborado por Klarna sinala que o 89,4 % dos consumidores españois compara diferentes tendas ou plataformas antes de realizar unha compra. Máis do 60 % consulta entre dúas e tres páxinas web antes de decidirse, mentres que o 72,5 % recorre a programas de fidelización e o 68,4 % busca códigos de desconto.
Porén, atrasar as compras á espera de ofertas pode non sempre resultar rendible. Segundo Klarna, o 52,8 % dos consumidores recoñece ter aprazado algunha adquisición confiando en conseguir un prezo mellor e, nalgúns casos, esta decisión acabou provocando un maior desembolso. Nos dispositivos electrónicos, como ordenadores ou tabletas, o 12,1 % dos compradores que esperaron acabou pagando máis, con sobrecustos de entre 201 e 300 euros no 16,5 % destes casos.