O Goberno anima as entidades locais a presentar os seus proxectos á nova convocatoria contra o despoboamento

As axudas financiarán proxectos en concellos de menos de 5.000 habitantes e tamén en municipios de entre 5.000 e 20.000 habitantes con baixa densidade de poboación
cartos-impostos-billetes-pago-comercio
7 Oct 2026

A Delegación do Goberno en Galicia anima as entidades locais galegas a presentar os seus proxectos á nova convocatoria de subvencións do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) destinada a financiar iniciativas innovadoras para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento. O Boletín Oficial do Estado publicou onte o extracto desta convocatoria, dotada con 80 millóns de euros, o dobre que na edición anterior e abre un prazo dun mes para a presentación de solicitudes.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais, incluídos concellos e deputacións, así como agrupacións de entidades locais e consorcios adscritos á Administración local, nos termos establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria.

As actuacións deberán desenvolverse en territorios afectados polo reto demográfico. En concreto, poderán executarse en concellos de menos de 5.000 habitantes e tamén en municipios de entre 5.000 e 20.000 habitantes cunha densidade inferior aos 100 habitantes por quilómetro cadrado, sempre que, neste último caso, as actuacións se desenvolvan en núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes.

Deste xeito, a convocatoria permite apoiar tanto iniciativas promovidas polos municipios galegos de menor tamaño como actuacións en parroquias e outros núcleos rurais pertencentes a concellos de maior poboación que cumpran os criterios demográficos establecidos.

Os proxectos deberán ter como finalidade a reactivación social e económica das zonas con problemas de despoboamento e a revalorización do espazo rural, incorporando unha dimensión socioeconómica, ambiental e de xénero. Ademais, deberán introducir elementos innovadores no territorio no que se desenvolvan e favorecer a xeración de novas actividades económicas e a creación ou mantemento do emprego.

A convocatoria busca así apoiar iniciativas que contribúan a xerar oportunidades nos territorios afectados polo reto demográfico e reforzar a súa cohesión social e territorial.

Na anterior convocatoria, dez proxectos promovidos por entidades locais galegas foron seleccionados para recibir máis de 2,1 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. As iniciativas beneficiarias localízanse nas catro provincias galegas e recibirán, en conxunto, 2.111.599,68 euros para desenvolver proxectos innovadores de transformación territorial e loita contra o despoboamento.

0.31341004371643