O Goberno concede máis de 106.000 euros a Vilaboa e A Cañiza para reparar danos causados polos incendios de 2025

Os concellos de Vilaboa e A Cañiza recibirán un total de 106.254,30 euros en subvencións do Goberno de España para reparar infraestruturas municipais danadas polos incendios forestais que afectaron a distintos puntos de Galicia durante o verán de 2025. A concesión destas axudas foi publicada este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE).
As achegas forman parte das medidas aprobadas tras a declaración de Zona afectada gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil, acordada polo Consello de Ministros para facer fronte aos danos ocasionados polos incendios forestais e outras emerxencias rexistradas entre o 23 de xuño e o 25 de agosto de 2025.
Segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, o Concello de Vilaboa recibirá unha subvención de 23.927,94 euros para unha actuación cun orzamento total de 47.855,88 euros. Pola súa banda, A Cañiza contará cunha axuda de 82.326,36 euros destinada a un proxecto valorado en 164.652,72 euros.
En ambos os dous casos, a Administración central asumirá o 50 % do custo subvencionable das actuacións previstas, co obxectivo de facilitar a recuperación das infraestruturas públicas afectadas polos lumes.
Losada destacou o compromiso do Executivo estatal cos municipios afectados polos incendios forestais e subliñou a importancia de apoiar aos concellos na recuperación dos servizos e instalacións danadas. Ademais, puxo en valor o traballo desenvolvido polas distintas administracións durante a emerxencia e a colaboración institucional para facer fronte ás consecuencias destes episodios.