O Goberno central defende a quitación da débeda para Galicia e rexeita o cupo

O Goberno central defendeu no pleno do Congreso a necesidade de abordar a quitación da débeda das comunidades autónomas e avanzar nun debate “sereno” para pactar un novo modelo de financiamento autonómico que incremente os recursos e teña en conta o custe efectivo dos servizos en cada territorio. Unha posición en liña coas demandas que vén formulando o PSdeG.
Durante a sesión de control, a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, lembrou que o Executivo está incrementando os fondos destinados ás comunidades. No caso de Galicia, cifrou o aumento acumulado en 15.843 millóns de euros. Ademais, explicou que as entregas a conta para 2026 ascenderán a 10.929 millóns, un 6,7 % máis que este ano, e que a cifra chegará aos 11.633 millóns se se inclúen as liquidacións. “Galicia nunca recibiu tanto”, resumiu.
Fronte ás propostas dun modelo similar ao cupo vasco, Montero defendeu un sistema multilateral, que tamén impulse a bilateralidade prevista nos estatutos, e que resulte beneficioso para territorios cun financiamento inferior á media, como Galicia.
A vicepresidenta recoñeceu que o actual sistema de financiamento está esgotado e non cumpre xa o seu cometido, especialmente en momentos de crise. Por iso, criticou o PP por negarse a crear un grupo de traballo para iniciar a reforma e por utilizar este debate como ferramenta de confrontación territorial. Tamén lamentou que os populares reclamen máis recursos pero voten en contra cando o Goberno os ofrece.
Montero asegurou que a senda de estabilidade proposta polo Executivo permitiría a Galicia contar con 281 millóns adicionais para servizos públicos, pero destacou que o PP tamén a rexeitou.
En relación coa reforma do sistema, lembrou o compromiso de presentar unha proposta no primeiro trimestre de 2026, e apelou á “solidariedade interterritorial e fiscal” para chegar a un acordo. Confiou en que, malia as reticencias actuais, será posible, e insistiu en que as políticas do Goberno permiten que as comunidades autónomas estean “mellor financiadas ca nunca”.