O Goberno do Estado destina 10.800 M€ á mellora dos servizos públicos galegos en 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destacou en Santiago o investimento marca do Goberno de España en Galicia, destinando este ano máis de 10.800 millóns de euros ao reforzo dos servizos públicos autonómicos e municipais a través das entregas a conta. Durante a clausura do Congreso Nacional Ordinario de UXT-Servizos Públicos celebrado na capital galega, reivindicou estas cifras como mostra do compromiso estatal coa defensa do público.
Branco subliñou que nos últimos sete anos Galicia recibiu 18.295 M€ máis que nos sete anteriores para fortalecer os servizos públicos, o que representa un incremento do investimento do 40 %. “Para unha administración eficiente e moderna cómpre contar con medios, e niso o Goberno está comprometido ao 100 %, con feitos concretos”, afirmou.
Tamén puxo en valor o traballo lexislativo do Executivo, que se materializa na redución da xornada laboral, a suba de salarios e a modernización do sector público. Nesta liña, destacou o impacto directo na mellora das condicións de vida da cidadanía.
Ademais, Branco felicitou a Irene Martínez por revalidar a secretaría xeral de UXT-Servizos Públicos en Galicia, trasladándolle o apoio do Goberno na defensa dos dereitos laborais e nas melloras das condicións do persoal empregado público.