O Goberno do Estado destina 46,4 millóns de euros a Galicia para financiar programas de interese social

O Consello de Ministros autoriza, a proposta do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, a distribución de 432,8 millóns de euros aos gobernos autonómicos, un 15 % máis que o ano pasado
cartos-impostos-billetes-pago-comercio
1 Sep 2026

O Goberno autorizou este martes no Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, destinar 46,4 millóns de euros a Galicia do importe recadado na asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do Imposto sobre Sociedades para distribuír entre os gobernos das Comunidades Autónomas (agás País Vasco e Navarra) e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

O investimento total proposto polo Ministerio que dirixe Pablo Bustinduy para repartir entre as comunidades e cidades autónomas é de 432,8 millóns de euros, para financiar programas de interese social, cifra que supón un aumento dun 15 % respecto do ano pasado.

Para o reparto dos recursos tivéronse en conta a aplicación de 13 criterios obxectivos que inclúen, entre outros, a poboación, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (Taxa AROPE), a renda per cápita, a dispersión territorial, o número de familias monoparentais ou as taxas de avellentamento e discapacidade. Ademais, garántese unha porcentaxe fixa para A Rioxa (1,02 %), Ceuta (0,80 %) e Melilla (0,81 %).

Esta proposta de distribución someterase agora á aprobación do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. A partir dese trámite, serán os gobernos das comunidades e cidades autónomas os que xestionen as súas propias convocatorias de subvencións.

As organizacións que poderán beneficiarse destas subvencións serán as entidades e asociacións do Terceiro Sector de acción social que cumpran os requisitos establecidos nas correspondentes convocatorias autonómicas.

As convocatorias aprobadas polas distintas CCAA están destinadas a cubrir as necesidades específicas de asistencia social das persoas en situación de pobreza ou exclusión social ou que se atopen noutras situacións de especial vulnerabilidade. Na convocatoria de 2024 financiáronse máis de 10.000 proxectos dirixidos a diferentes colectivos: discapacidade, poboación xitana, persoas maiores, infancia ou familia.

O Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e o SAAD do 18 de xuño de 2021 establece un sistema de distribución de dous tramos: un estatal co 20 % da recadación e un tramo autonómico co 80 % da recadación, que se transfire ás CCAA de réxime común para que, no seu propio ámbito de competencias, publiquen as súas respectivas convocatorias de subvencións.

O Acordo alcanzado en 2021 tiña previsto un período de vixencia de cinco anos, que expiraba o pasado mes de xuño. Ante esta situación, e atendendo aos bos resultados que se obtiveron con este modelo, desde o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 impulsouse e conseguiuse un Acordo de prórroga por dous anos e medio, ata o 31 de decembro de 2028 (que inclúe a execución dos programas no ano 2029).

0.33889508247375